A Consellería de Cultura e Educación constitúe o novo Consello Asesor do Centro Dramático Galego

  Hoxe á tarde celebrou a súa primeira reunión no Salón Teatro de Santiago baixo a presidencia de Manuel Guede Oliva

  Integran este órgano consultivo Salvador del Río, Toño Casais, Carmen Castro e Manuel Vieites

A Consellería de Cultura e Educación constitúe o novo Consello Asesor do Centro Dramático Galego
[12/07/2012]
A Consellería de Cultura e Educación constituíu esta tarde o novo Consello Asesor do Centro Dramático Galego coa celebración no Salón Teatro de Santiago da primeira reunión deste órgano consultivo, que pasa a estar integrado por catro membros que simbolizan os distintos estamentos do sector teatral baixo a presidencia do director do CDG, Manuel Guede.
 
Salvador del Río, en representación da asociación de compañías Escena Galega; Toño Casais, por parte da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG); Manuel Vieites, director da ESAD (Escola Superior de Arte Dramático); e Carme Castro, técnico de Cultura do Concello de Carballo integran este Consello Asesor, que reduce deste  xeito o seu número de asesores externos e pasa a funcionar como un mecanismo permanente de diálogo no que teñan a súa voz as empresas teatrais, os profesionais da interpretación, a comunidade docente centrada na escena e os programadores culturais.
 
O novo enfoque xa fora avanzado por Guede Oliva pouco despois de asumir a dirección do CDG no pasado mes de maio. A finalidade é reforzar o papel da compañía pública como canle de diálogo cos principais axentes que contribúen ao feito teatral galego, de xeito que se dea un paso adiante nos meros fins consultivos que se tiñan atribuído para conformar unha mesa verdadeiramente representativa da profesión, a formación e a programación teatral.
 
O obxectivo é que nas súas reunións periódicas se traten asuntos e problemáticas concretas do ámbito teatral, que se abordarán dun xeito transversal a todos os axentes implicados. Articularase así un espazo de orixe de propostas e de intercambio de ideas que favorecerá o traballo conxunto e coordinado.
 
Na xuntanza de hoxe, na que participou por delegación a actriz Mónica García (vogal da AAAG) en substitución de Toño Casais; o director do Centro Dramático Galego deu conta das actividades en proxecto que a institución ten previsto desenvolver ao longo do próximo ano 2013.