A Consellería de Cultura e Educación patrocina O Marisquiño de Vigo, que celebra a súa 12ª edición con arte, música e deportes urbanos

  Colabora cunha achega de 40.000 euros ao desenvolvemento deste festival de cultura urbana, no que graffiti, breakdance, hip-hop e dj’s comparten programa cunha decena de disciplinas deportivas

  O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, participou hoxe na presentación oficial do evento, que se desenvolve do 10 ao 12 de agosto na zona portuaria da cidade

  O Museo do Mar de Galicia acolle un gran mural do artista vigués Antony, creado especificamente para o espazo como parte desta programación

A Consellería de Cultura e Educación patrocina O Marisquiño de Vigo, que celebra a súa 12ª edición con arte, música e deportes urbanos
[08/08/2012]
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria patrocina cunha achega de 40.000 euros o festival de cultura urbana O Marisquiño, que se celebra en Vigo do venres 10 ao domingo 12. Arte e música conviven coas modalidades deportivas do programa de exhibición e competición, que reunirá máis de 1.000 participantes de 50 países.

A zona portuaria da cidade, desde o Peirao de Transatlánticos ata a praza da Estrela pasando por A Laxe, volverá ser o epicentro das actividades deste evento multidisciplinar, convertido en referencia no seu ámbito tanto a nivel estatal como europeo. A programación de 2012 foi detallada hoxe no transcurso da presentación oficial do festival, que contou coa asistencia do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero. No acto tamén participaron Ignacio López Chaves, presidente da Autoridade Portuaria; Isaura Abelairas, concelleira de Cultura; Carlos Domínguez e Ramiro Tersse, responsables da organización de O Marisquiño XII, así como representantes das principais empresas patrocinadoras.
 
Repercusión internacional
Na súa intervención, o director da Agadic destacou a gran repercusión deste festival e, en consecuencia, a súa incidencia na proxección exterior tanto de Vigo como de Galicia. Neste sentido, lembrou o crecente número de seguidores que ten en todo o mundo a chamada cultura urbana, que –sinalou– vai máis alá dunha determinada tendencia para se converter nun “modo de vida” que se reflicte na música, na arte, na moda ou no deporte. 
 
Fasero referiuse, ademais, ao mural creado ex profeso para o Museo do Mar de Galicia polo artista vigués Antony para facer fincapé na cada vez maior atención que o mundo da arte presta ao graffiti como xénero que, como sucede no caso doutras moitas manifestacións artísticas, xorde directamente da sociedade e non das elites culturais. De 18 metros de lonxitude e 2,20 metros de alto, este graffiti de temática mariñeira foi inaugurado o pasado luns no marco da festa de presentación do festival e será exhibido de forma permanente neste museo da Xunta de Galicia.
 
A arte urbana estará tamén presente durante os tres días do festival a través do mural de 25 metros de lonxitude por dous de alto que quedará instalado na explanada do Náutico e no que deixarán a súa pegada outros sete artistas convidados: Besdo Garsía de Madrid, Rage e Juer de Vitoria, Noel de Santiago de Compostela, e Chek, Pow e Doce (Comic) de Vigo.
 
Concertos
En canto á música, The Zombie Kids encabezan o cartel de concertos que se  desenvolverá o sábado e o domingo, a partir das 22.00 horas, no Peirao de Transatlánticos. Xunto a estes dj’s, o sábado actuarán Duo Kie e Pánico en las Calles, mentres que a sesión do domingo correrá a cargo de Nasty Mondays e Sivia Superstar Dj.
 
Ademais, a zona do Náutico acollerá os equipos de Bboying que participarán no campionato internacional de breakdance, unha das disciplinas de competición e exhibición de O Marisquiño XII xunto co skate, BMX, street style, mountain bike, trial, motocross e parkour.

-Dossier de prensa
-Web de O Marisquiño XII