Share

O director de Industrias Culturais participa na presentación do 25º Festival de Títeres de Redondela

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da 25ª edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela Memorial Juanjo Amoedo, que do 13 ao 19 de maio ofreceralle ao público un programa con máis de 70 actividades e a participación de 28 compañías, como a do arxentino Sergio Mercurio ou a salmantina La Chana Teatro, gañadora en 2023 do Premio Max ao mellor espectáculo para público familiar.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que a mostra redondelá vén contando con subvención da Xunta de Galicia a través da convocatoria anual para festivais de artes escénicas, que mantén aberto ata o 24 de maio o prazo de solicitude para 2024. Esta liña de axudas dispón dunha dotación de 280.000 euros, arredor dun 30% máis que en 2023, de xeito que se mantén a tendencia ascendente no apoio autonómico a certames escénicos organizados de xeito profesional e considerados estratéxicos para o sector.