Share

Catálogo Danza Galicia: convocatoria para compañías non inscritas en 2023

A Axencia Galega das Industrias Culturais, a través do Centro Coreográfico Galego, prepara a actualización do seu catálogo Danza Galicia cara ao lanzamento dunha segunda edición coa que continuar difundindo a máis recente produción galega de danza e artes do movemento en eventos estratéxicos do sector.

Con este obxectivo, ábrese unha convocatoria específica para as compañías profesionais galegas deste ámbito que NON figuraran na primeira edición do catálogo e estean interesadas en formar parte del, sempre que conten con espectáculos en distribución durante 2024.

Prazo de inscrición: ata ás 15.00 h do martes 26 de marzo de 2024 a través deste FORMULARIO (ata un máximo de cinco espectáculos por compañía).

As compañías xa incluídas na anterior edición do catálogo recibirán un correo electrónico do Centro Coreográfico Galego coas indicacións correspondentes para a actualización das súas fichas.

A elaboración de Danza Galicia, catálogo dixital de danza e artes do movemento insírese na Medida 1.4.1 do Plan Integral para a Danza de Galicia, desenvolvido pola Xunta a partir dun proceso aberto e participativo co sector, dentro da liña estratéxica 'Impulso da exhibición e distribución da danza e artes do movemento'. Na súa edición de 2023, a publicación recollía 89 propostas artísticas de 36 compañías, dando conta da variedade estilística e temática da produción galega  neste sector. En 2024,  manterase a súa dobre edición en galego e en castelán, con datos prácticos sobre as formacións inscritas e os espectáculos que teñen en cartel, pensando especialmente na súa distribución entre responsables de programación de teatros, auditorios, salas, circuítos ou festivais dentro e fóra de Galicia.